Monday 13 de May de 2024

A Xunta colaborará con cooperativas, construtores e promotores na aplicación en Galicia dos Fondos Europeos destinados á construción de vivendas de alugueiro


O Goberno galego segue esperando a que o Estado lle traslade como se regulará o emprego do diñeiro reservado no Plan de recuperación aos programas de vivenda

A Xunta de Galicia colaborará con promotores, construtores e cooperativas no desenvolvemento de proxectos para a construción de vivendas en alugueiro cofinanciadas cos fondos europeos que recibirá Galicia a través do Plan de recuperación económica.

Así llo trasladou ao sector o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, no transcurso dunha reunión telemática celebrada esta semana co xerente da Asociación de promotores inmobiliarios da provincia da Coruña (Aproinco), Juan José Yáñez, o vogal da Federación Galega da Construción, Arturo Ramírez, e o presidente da Unión Galega de Cooperativas de Vivenda (Ugacovi), Iván Blanco.

Na reunión, o director xeral explicou o funcionamento dos fondos europeos destinados a vivenda e, de maneira especial, daqueles dirixidos á construción de vivendas para alugueiro, dos que poderán beneficiarse tanto os promotores e as cooperativas de vivendas, como as administracións públicas que promovan vivendas deste tipo.

En concreto, España contará con mil millóns de euros da UE para o programa de axudas á construción de vivendas de alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, dos que se estima que a Galicia lle corresponderían máis de 58 millóns de euros. Con estas subvencións, prevese que se poidan construír na Comunidade ata 1.400 vivendas para alugueiro por parte de promotores públicos e privados.

En calquera caso, a Xunta continúa agardando a que o Goberno do Estado remita o borrador do Real Decreto que regulará o emprego dos fondos europeos en materia de vivenda, tal como se comprometeu na Conferencia sectorial celebrada con todas as comunidades o pasado 26 de maio.